Tuesday 07 de May de 2024

O BNG denuncia que o sobrecusto do auditorio segue disparándose


Pérez Barral: a ineficiente xestión do PP provoca sobrecustos millonarios nas obras de Ribeira

O anuncio da licitación das butacas para o novo auditorio de Ribeira por valor de 323.000 euros acaba de provocar a reacción do BNG que recrimina que “a mala xestión do Partido Popular” está provocando sobrecustos insostibles para as arcas municipais.

Os nacionalistas detallan que o orzamento inicial para construír o auditorio ascendía a 2,5 millóns de euros pero durante a redacción do proxecto construtivo observáronse carencias que fixeron que ascendera a 3,6 millóns con todo incluído para entrar en funcionamento. Finalmente saíu a licitación por 4,2 millóns de euros e na actualidade estamos certa dos 5 millóns de euros.

O portavoz do BNG, Luís Pérez Barral, cre que o goberno perdeu toda credibilidade xa que, segundo di puxeron todo tipo de desculpas pero o único certo é que evidencia a nefasta xestión realizada polo Partido Popular fica patente con case calquera obra que se realiza no municipio, sendo incapaces de executar en tempo, forma e orzamento as obras que eles mesmos proxectan.

“Obras como a Casa da Xuventude cuxo valor inicial foi de 860.000 euros xa leva 1,1 millóns de euros gastados en sucesivas reformas por culpa do seu abandono, o Mercado Municipal pasou de 2,7 a 3,5 millóns de euros, o pavillón de Palmeira pasou de 1,3 a 2 millóns de euros, a depuradora tivo un sobrecusto de 1 millón de euros e podemos seguir poñendo exemplos como os da Escola infantil, o Matadoiro Municipal ou o interminable Centro Social de Carreira” lamentou o portavoz nacionalista.

Pérez Barral cuestiona que moitas das obras que se fan en Ribeira sofren paralizacións na metade da súa construción, modifícanse e incrementan de maneira alarmante os custos previstos incialmente. “O goberno local só se centra nas grandes obras e demostra a súa incapacidade para atender as demandas veciñais, pero o que é máis grave é que malgasta os cartos públicos que son de todos e todas”.

Deixar paso a un goberno eficaz

Desde o BNG indican que seguirán traballando para que se atendan as cuestións que realmente lle preocupan á veciñanza como mellorar o mantemento e a limpeza de parques, estradas ou equipamentos públicos que esmorecen pola mala e ineficiente xestión do PP. Pérez Barral esíxelle ao alcalde de Ribeira, Ruiz Rivas, que se poña a traballar para sacar os proxectos adiante, mellorar o mantemento dos edificios e equipamentos públicos porque Ribeira non pode seguir esmorecendo por causa da súa mala xestión ou que deixe paso. “Ribeira precisa un goberno que este á altura, capaz de resolver os problemas e sacar o potencial do concello. “Un goberno do BNG centrarase en resolver as necesidades do día a día da veciñanza e evitará o dispendio de cartos públicos” concluíu Barral.